Os centros sociais reabrirán en outubro con acceso xeneralizado a Internet
Por Alejandro Espiño
A volta á actividade dos centros sociais en Pontevedra será "inminente". Así o garante o Concello, que está a ultimar os protocolos para reabrir estas instalacións municipais. Será a partir do próximo mes de outubro.
"Paso a paso imos recobrando a normalidade e a verdade que tiñamos moitas ganas de poder abrir os centros sociais", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Para iso, desde o Concello ordenaron realizar unha limpeza en profundidade de todos os centros nos que, durante os últimos tempos, xa se realizaron traballos de mantemento.
Durante o ano pasado foi elaborado un estudo para coñecer o aforo total de cada un dos centros vinculados co concello pontevedrés. Este traballo derivou nun protocolo que será depositado nos centros sociais, que deberá ser respectado polos usuarios.
Ademais, todos estes centros contarán a partir de agora cunha conexión a Internet de alta calidade, que vén relacionada co novo contrato municipal de telecomunicacións.
Estará garantido un acceso a través de ADSL ou fibra óptica, ofrecendo un servizo de alta velocidade que permita desenvolver as actividades con maior facilidade.
Haberá un dobre filtro de seguridade onde o Concello, a través dun acceso remoto, poderá vixiar o servizo en tempo real, coñecendo calquera incidencia ou fallo, para así poder emitir unha resposta áxil e axeitada.
Tamén quedará establecido un servizo especial no caso de emerxencia, unha especie de backup, mediante a entrega dunha serie de tarxetas de telefonía para poder seguir tendo conexión no caso dunha caída xeneralizada.