Día Mundial do Turismo con showcooking conmemorativo lembrando as receitas das irmás Mendoza
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostraba a súa satisfacción este luns coa celebración do showcooking de festexo do Día Internacional do Turismo.
Ante a posibilidade de que se producisen choivas, o acto ao que asistían numerosas persoas relacionadas co sector turístico desenvolveuse no salón de plenos do edificio principal da Deputación tras descartar os xardíns do Palacete das Mendoza onde inicialmente estaba previsto.
A catadora Carlota Iglesias foi a condutora do acto e os chefs Iago Pazos, Natalia Guzmán, Iñaki Bretal, Elisa de Mamá Lela e cociñeiros de Casa Solla elaboraron pratos de degustación como salsa de hortalizas, pescada en salsa, lombo con pementos ou a sobremesa de biscoito de chocolate palacio, sempre acompañados por viños albariños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Todos estes pratos baseábanse nunha reinterpretación das receitas das irmás Concha e María Mendoza, antigas propietarias do edificio que, na actualidade, acolle a sede de Turismo Rías Baixas na avenida de Santa María.
Carmela Silva, durante a súa intervención, destacou a importancia do sector privado turístico en Galicia: "moi potente, que arrisca, moi serio e que traballa pola calidade" e lembrou que o sector turístico foi o que máis sufriu con motivo da pandemia e, con todo, non se rendeu ante as adversidades.
Desta forma, a presidenta provincial afirmou que este acto era un recoñecemento a este colectivo profesional tanto no caso de quen se encarga da elaboración como quen se dedica á produción: "temos o mellor produto do mundo e isto é así".
Silva destacou o traballo de José Manuel Rey, director do Museo, onde se atopa o receitario das irmás Mendoza. A presidenta fixo referencia a que desde o Museo se involucra a xente da cultura da provincia e citou á importancia da celebración de festivais de música e de cinema para poñer en valor ao territorio.
"Desfrutemos moito de ter a sorte de vivir nunha provincia máxica", lembrou Carmela Silva destacando a intelixencia, talento e creatividade do sector turístico e gastronómico, que se reflicte nos datos de visitas que a provincia de Pontevedra é un dos puntos máis potentes do estado español.
Relacionadas:
-
RADIO.- Así se cociñaba con "as mulleres máis modernas do século pasado en Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
Clase maxistral sobre os mariscos máis descoñecidos das Rías Baixas ao estilo Masterchef
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A provincia consolida o seu liderado turístico en Galicia cunha ocupación media do 66 % durante o verán
Por Redacción |
-
"Satisfacción inmensa" na Deputación cos datos turísticos rexistrados en xullo e agosto
Por Oskar Viéitez |