Detectan e bloquean un punto de vertido de augas residuais nunha instalación industrial de Meis
Por Redacción
Técnicos do Plan de Control de Vertidos da Xunta e da Gardería Fluvial de Augas de Galicia detectaron un foco de vertido de augas residuais procedente dunha instalación industrial asentada en Meis e realizaron as xestións necesarias para poñerlle fin.
O vertido detectouse nunha inspección rutineira de control. Os inspectores identificaron a orixe nas augas procedentes dos aseos das instalacións, que vertían cara a un pozo soterrado do cal se descoñecían as súas características e remataban por infiltrarse no terreo en condicións inadecuadas, cunha depuración deficiente e sen autorización de vertido por parte de Augas de Galicia.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables das instalacións a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco. Os responsables da empresa instalaron unha fosa estanca onde se recollen as augas residuais fecais, solucionando deste xeito as achegas irregulares cara ao Dominio Público Hidráulico.
Os técnicos da Xunta realizaron recentemente unha nova comprobación nas instalacións, verificando que a empresa instalou a citada fosa estanca e o vertido cesou.