Proxectan obras de mellora na piscina municipal durante as primeiras tres semanas de outubro
Por Redacción
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, visitaron este viernes as instalacións da piscina municipal, ubicadas na Raña, xunto cos responsables da empresa concesionaria para apoiar a nova campaña de captación de socios que se está a levar a cabo e que se intensificará coa axuda do Concello.
Para facilitar a incorporación de novos socios, durante todo o mes de setembro, tanto a matrícula como a mensualidade serán gratuitas.
Por outra banda, a partir do 4 de outubro e ata aproximadamente o 16, a piscina pechará puntualmente porque, tal e como anunciaron Ramallo e Traba, levarase a cabo unha actuación de mellora en todo o beirado e o desaugadoiro, para substituír as actuais pezas de madeira, que se atopan moi deterioradas.
Ademais, a empresa adianta que de cara aos próximos meses ampliarase a oferta de actividades ofrecida e tamén haberá ampliación de horarios de apertura. Tamén está enriba da mesa a posibilidade de ofrecer aos centros educativos actividades extraescolares ou deseñar para os centros de día de maiores opcións de adestramento centradas nas necesidades deste grupo de poboación.
NORMATIVA SANITARIA
A alcaldesa e o concelleiro de Deportes aproveitaron o encontro para analizar a situación na que quedan as instalacións municipais coas novidades respecto das restricións sanitarias adoptadas polo Comité Clínico.
Por suposto, tal e como acontece desde hai un tempo, os partidos e encontros que se desputan nas instalacións municipais están abertos ao público, seguindo sempre as medidas vixentes en cada momento.
A partir do sábado, o aforo destes espazos aumenta até o 75%, pero será preciso seguir mantendo a distancia entre persoas non convivintes de 1,5 metros. Polo que, cumprindo con ambas esixencias, os aforos das instalacións en Marín quedarían do seguinte xeito: o Estadio Municipal da Raña: 180 persoas; o Estadio Municipal de San Pedro: 150 persoas; o Pavillón do Sequelo: 90 persoas; o Pavillón da Cañota: 80 persoas
NOVO CAUCHO DO PARQUE INFANTIL
O parque infantil do Paseo Alcalde Blanco estrea imaxe coa colocación do novo caucho, en cores verdes e amarelas e con formas circulares, que aporta unha nota de cor e de modernidade a este espazo que está a experimentar unha total transformación.
Tal e como explicou este venres o Goberno local, os elementos recreativos do parque son os mesmos, aínda que se lles realizou unha importante posta a punto, reparando as pezas que fose necesarias e aplicando traballos de mantemento xeral.