Días de limpeza dos leitos nos ríos que cruzan a vila
Por Redacción
Os concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Pablo Novas e Marián Sanmartín, visitaban durante este venres o río Lameira para seguir o inicio dos traballos que se desenvolven neste punto para eliminar maleza no trazado e limpar o leito para que o caudal de auga discorra sen obstáculos.
A actuación supón un investimento superior aos 11.600 euros e, durante os próximos días, executarase a limpeza dos laterais e do fondo do río, triturando a maleza cunha máquina rozadora manual de disco. Todo o material plástico e os residuos das especies vexetais serán retirados a unha entulleira, segundo informan desde o Concello de Marín.
O río Lameira é o primeiro que se limpará. Os traballos inícianse en Ponte Zapal e continuarán ata a ponte de Coirados. Tamén se acondicionará o regacho que transcorre por detrás do CEP Sequelo.
O río da Grela será abordado desde a ponte de Coirados ata o Lavadoiro da Presa, mentres que o río da Laxe someterase a limpeza desde a ponte do Camiño do Peso ata a parcela traseira ao supermercado, incluíndo tamén o corte e a recollida das canas do noiro do CEIP da Laxe.
Tamén se traballará no río Lapamán, desde a estrada xeral ata o camiño e o río Castiñeiras, desde o Lavadoiro de Coirados ata o muíño antigo na Roza.
Estes labores realízanse todos os anos coa entrada do outono e a intención do Concello é evitar problemas de desbordes de auga e de presenza de atrancos no leito que poidan desencadear danos en zonas habitadas polas que atravesan estes ríos.