A Federación Española de Sordocegueira apoia a proposta de XOGA de oficializar a Lingua de Signos Galega
Por Redacción
A iniciativa de recoñecer oficialmente a Lingua de Signos Galega (LSG) tamén foi apoiada pola Federación Española de Sordocegueira (FESOCE), que a considera "unha lingua propia que forma parte da cultura e idiosincrasia galegas". A proposta foi impulsada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galiza 'XOGA', co soporte e financiamento da Deputación de Pontevedra, e recibiu publicamente os parabéns da entidade estatal coincidindo co Día Internacional das Linguas de Signos.
O acordo entre a Deputación de Pontevedra e 'XOGA' formalizouse este ano para "defender os dereitos lingüísticos da comunidade con diversidade sensorial de Galiza", explicou a deputada de Lingua María Ortega, que compromete o seu apoio "ata o final do mandato".
Os traballos da investigación, que contan cunha inversión de 30.000 euros, comezaron en xaneiro a cargo dunha equipa formada por unha persoa coordinadora, filólogas, investigadores e intérpretes, "para dar os primeiros pasos e analizar o que está feito, o que queda por facer e con quen se pode contar". A intención da Deputación é que a finais de 2021 estea listo o primeiro informe prospectivo. As persoas potencialmente beneficiarias da LSG serán máis de 54.000 en toda Galiza –segundo datos de Política Social-, ás que habería que sumar as que non teñen o certificado de discapacidade.
Coa oficialización da Lingua de Signos Galega, recuperará a identidade propia galega da comunidade xorda e con diversidade sensorial do país, xa que a lingua permite manter costumes e tradicións, así como suplir a carencia na formación que hai na lingua oral galega para esas persoas.
A presidenta de XOGA, María Jesús Monterde, subliñou na presentación do convenio que é un paso "moi importante", e destacou que "as linguas de signos son patrimonio que enriquece a cultura e permite ás persoas con diversidade sensorial poder comunicarse". Por último menifestou o compromiso da organización para lograr "o que por dereito lle corresponde ao pobo galego que é unha lingua de signos de seu".
Nestes momentos en España existen só dúas linguas de signos oficiais, a española e a catalana. Cando en Galicia unha persoa fala oralmente en galego sempre é interpretada cara ás persoas con diversidade na lingua española de signos, xa que a galega non está recoñecida.
Relacionadas:
-
Expertos conclúen que a Lingua de Signos Galega é unha realidade, que existe, e non hai que creala
Por Oskar Viéitez |
-
Avanzan a programación do Día das Linguas de Signos reclamando mudar "inclusión" por "equidade"
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
A V Xornada Xuntos Avanzamos afondará na escola inclusiva para todos
Por Redacción |
-
O pleno estrea cronómetro para os debates e intérpretes de signos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Deputación colabora con XOGA para o servizo de intérpretes de lingua de signos na provincia
Por Redacción |
-
Primeiro paso desde a Deputación para acadar o recoñecemento oficial da lingua de signos galega
Por Anxo Lourido |