A AJE entregará os seus premios o 8 de novembro cunha distinción honorífica a Magín Froiz
Por Redacción
O próximo 8 de novembro serán entregados no Liceo Casino os premios ao mellor novo empresario e ao mellor emprendedor, outorgados pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE).
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, presentaron a edición deste ano acompañados polos máximos responsables da organización en Pontevedra e en Galicia, Lucía Pedroso e José Valenzuela.
Segundo explicaron, o premio ao Mellor Empresario Novo deste ano está dotado con 3.000 euros en formación na Escola de Negocios de Novagalicia Banco e un iPad. O premio ao Mozo Emprendedor contará cunha dotación dun aloxamento gratuíto durante un ano nun viveiro do Consorcio da Zona Franca de Vigo, ademais de 1.000 euros en formación na Escola de Negocios. Tamén se ofrecen dous accesit para recoñecer a innovación e a creación de emprego.
Ademais, durante o acto entregarase o premio honorífico ao coñecido empresario pontevedrés, Magín Froiz, pola súa longa e importante traxectoria ao fronte da cadea de supermercados Froiz.
Estes premios contan co patrocinio da Concellaría de Promoción Económica que asinou un convenio coa entidade empresarial para financiar con 6.000 euros a convocatoria e a proposta "AJE Móvese".
O alcalde de Pontevedra considera que estes galardóns para premiar o labor empresarial son máis necesarios que nunca e destacou as dúas empresas gañadoras da anterior edición: O Percebeiro, de Marín, unha empresa que distribúe marisco fresco nun prazo máximo de 24 horas e Glass Concept, de Sanxenxo, unha entidade que ofrece un vidro magnético proxectable e rotulable.