Meijón adianta a súa dimisión como secretario dos socialistas pontevedreses para 'fiscalizar' a Lei Wert
Por Redacción
A entrada de Guillermo Meijón na executiva do PSdeG-PSOE de José Ramón Gomez Besteiro obrigaba á súa dimisión como secretario xeral en Pontevedra. No entanto, unha decisión veu de precipitar ese momento. Será nomeado de xeito inmediato como voceiro adxunto de Educación do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados e a carga de traballo que lle dará, entre outros asuntos, o seguemento da nova Lei de Educación impídelle seguir no posto.
Segundo informou o PSdeG-PSOE nun comunicado, Meijón anunciou á Executiva Local o seu inmediato nomeamento como portavoz adxunto de Educación ao lado de Mario Bedera, circunstancia que, segundo se valorou neste órgano, "conleva un traballo e unha dedicación difícilmente compatible co traballo na agrupación local".
O seguemento da LOMCE ou Lei Wert nas cámaras lexislativas, o traballo preparatorio na área de Educación na próxima Conferencia Política e os labores propios na Cámara foron postos como elementos a considerar, xuntamente coas responsabilidades recentemente asumidas na Executiva Galega como secretario de Política Institucional.
Diante de todas estas circunstancias adoptouse a decisión de adiantar o calendario inicialmente previsto para a súa dimisión á fronte da Secretaría Xeral Local.
No conxunto da Executiva valorouse, ademais, a conveniencia política de ter rematado antes de fin de ano o proceso de renovación deste órgano de dirección do partido en Pontevedra, para así comezar 2014 cun novo equipo totalmente asentado que afronte, entre outros, o reto das próximas Eleccións Europeas.
A Executiva Local de Pontevedra, tendo en conta todas estas circunstancias, decidiu comunicar á Executiva Provincial a demisión de Guillermo Meijón. Os Estatutos do PSdeG-PSOE prevén que sexa a Executiva Provincial o órgano encargado de convocar o proceso para nomear un novo secretario xeral e unha nova Executiva local.
Relacionadas:
-
A asemblea para elexir o novo secretario local do PSdeG-PSOE será "non máis alá de quince días"
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández presenta a súa candidatura para substituír a Meijón á fronte do PSOE local
Por Natalia Puga |
-
Guillermo Meijón, un dos 'homes fortes' do novo PSdeG de José Ramón Gómez Besteiro
Por Redacción |
-
Os socialistas admiten o seu pesimismo pola "contrarreforma nacionalcatolicista" da Lei Wert
Por Oskar Viéitez |