Agárdanse chuvascos treboentos no litoral atlántico durante esta última fin de semana de setembro
Por Redacción
Este xoves, as Rías Baixas atópanse baixo a influencia anticiclónica en superficie, con ventos do nordés, con aire frío nas capas medias e altas da atmosfera a últimas horas do día, segundo a predición do servizo de Meteogalicia. O día preséntase con ceos con alternancia de nubes e claros, con chuvascos tormentosos polo sur de Galicia durante a noite. As temperaturas manteranse entre os 13 e os 28 graos, experimentando un lixeiro ascenso.
Ao longo do venres 24, a comunidade autónoma verase afectada pola presenza de aire frío en altura, que ofrecerá inestabilidade. A xornada ofrecerá alternancia de nubes e claros, con posibilidade de chuvascos treboentos, localmente fortes, acompañados de aparello eléctrico e ocasionalmente de saraiba. As temperaturas estableceranse entre os 16 e os 24 graos con ventos do nordés pola mañá que desaparecerán pola tarde.
Coa chegada da fin de semana, a bolsa de aire frío en altura manterase moi preto de Galicia durante o sábado e, por tanto, continuará a inestabilidade atmosférica. O ceo presentarase con momentos de nubes e claros. Seguirán aparecendo chuvascos intermitentes que, por momentos, alcanzarán intensidade treboenta. As temperaturas baixarán ata os 13 de mínima e os 21 graos de máxima con ventos frouxos de compoñente oeste.
Tamén o domingo espéranse choivas debido a unha fronte que se achega á comunidade, con aumento de nubes polo oeste e precipitacións en toda a comunidade durante a noite. As temperaturas manteranse entre os 15 e os 22 graos, con ventos do suroeste, frouxos pola mañá, aumentando a moderados pola tarde.
A partir do mediodía do luns 27, espérase a volta do anticiclón, con vento do norte e temperaturas que seguirán entre 13 e 22 graos durante os últimos días do mes.