Vilaboa quere abrir un centro de día para atender ás persoas con alzheimer
Por Redacción
O goberno municipal de Vilaboa está a traballar para conseguir que a vila poida contar cos servizos dun centro de día que atenda ás personas diagnosticadas con alzheimer.
Estas instalacións virían da man da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de O Morrazo (AFAMO), segundo adiantou o alcalde de Vilaboa, César Poza.
Actualmente xa o servizo municipal de axuda no fogar está atendendo a varios usuarios e usuarias con esta enfermidade, pero os datos que baralla o Concello apuntan á necesidade de habilitar este centro de día que permita ás familias dos pacientes a conciliación familiar.
Vilaboa conta cun censo de poboación cercano aos 6.000 habitantes e máis do 25% desta poboación supera os 65 anos de idade.
Este dato, segundo apuntan fontes municipais, obriga a destinar recursos específicos á atención ás persoas maiores, tanto para facilitar alternativas de ocio e divertimento no tempo libre como para a atención persoal cando merman a mobilidade e as capacidades cognitivas.
Para iso, desde o Concello agardan a implicación doutras administracións.
Mentres tanto, o grupo de goberno de Vilaboa levará ao pleno ordinario deste venres unha declaración institucional como concello solidario co alzheimer, coincidindo coa celebración do día dedicado a esta enfermidade.