Uxío Benítez traslada a un foro na Coruña a 'Fórmula Ágora' para fomentar o espazo público
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra traballa nun decálogo de principios que deben regular cada unha das actuacións propias dos concellos que formen parte da Rede Ágora, dando prioridade aos espazos públicos. A afirmación era exposta este martes polo deputado provincial responsable de Espazos Públicos e Mobilidade, Uxío Benítez, no marco do Foro da Mesa pola Mobilidade Sostible do Concello da Coruña, que se celebrou no Museo Científico-Domus.
Na mesa participaban tamén Ana Montalbán e Mateus Porto, dous profesionais da arquitectura especialistas integrantes da Rede de Cidades que Camiñan. O foco durante a exposición centrouse na necesidade de que a mellora da mobilidade se espalle máis aló das grandes urbes e faga partícipes a vilas, municipios e outros núcleos do territorio.
Benítez explicaba durante a súa intervención que hai 54 municipios, neste momento, implicados na Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, dentro da provincia de Pontevedra. Apuntou que desde a Deputación se asesora e fomenta a execución de obras para mellorar a calidade urbana das vilas, ademais de subvencionar economicamente proxectos para priorizar ás persoas nestas zonas buscando os espazos públicos como escenarios fundamentais da vida colectiva.
O deputado afirmou que é preciso construír unha nova sociedade para protexer o hábitat, ao entender que os coches llo arrebataron ás persoas. Lembrou o traballo que desenvolve a iniciativa da Facultade Ágora na que participan diferentes especialistas que promoven o uso social dos espazos. Tras a intervención de Uxío Benítez, o vicepresidente provincial César Mosquera participou nun coloquio como concelleiro de Mobilidade de Pontevedra sobre as políticas de tránsito urbano nas sete cidades galegas.
Relacionadas:
-
Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre o ‘Hábitat saudable e biodiverso’
Por Redacción |
-
Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |