'Que nos devolvan os profes', berro no CPI O Toural de cara ás protestas contra os recortes educativos
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A ANPA do CPI O Toural de Vilaboa decidiu iniciar un calendario de protestas ante os recortes educativos que experimenta o centro neste arranque do curso escolar 2021-22. Desta forma, a asociación convocou dúas concentracións para este xoves 23.
Ás 14.00 horas está prevista unha protesta fronte ás instalacións do centro educativo e ás 20.00 horas desenvolverase outra proposta na que solicitan o apoio de toda a cidadanía diante do Concello.
O motivo destas protestas ao berro de 'Que nos devolvan os profes' atópase no recorte de tres docentes para o ciclo da ESO no centro escolar en relación co anterior curso. Segundo indican desde o colectivo de pais e nais de escolares, esta rebaixa de profesorado provoca que aumente o número de estudantes en cada grupo, imposibilita a opción de facer desdobres e a atención personalizada.
Sinalan que o recorte efectuado por parte da Consellería de Educación ten eses efectos inmediatos pero, ademais, a medio prazo supoñerá un descenso dos resultados académicos debido á masificación que se rexistrarán nas aulas.
O ANPA do Toural reclama a recuperación destas tres prazas de docentes canto antes para evitar recortes nos dereitos do alumnado deste centro a unha educación de calidade. Teñen previsto tamén iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para presentalas ante a Xunta de Galicia.
RESPOSTA DA XUNTA
A Xefatura Territorial de Educación e representantes da inspección educativa mantiveron este martes un encontro co alcalde de Vilaboa, César Poza, e outros representantes municipais, no que se abordou a situación lectiva deste colexio.
A Xunta garantiu a calidade educativa e o cumprimento das ratios de profesorado, que se sitúan entre as máis baixas de todas as comunidades autónomas de España, no CPI O Toural, que contará con vinte docentes para o presente curso académico, unhas cifras "axeitadas para dar unha boa cobertura e un elevado nivel de ensino ante o descenso de matrícula en 4º curso de Educación Secundaria, que minguou de 42 a 30 alumnos en apenas dous anos, sendo necesaria unicamente a habilitación dunha unidade".
Deste xeito, "o centro precisa de 19 docentes para atender axeitadamente ao alumnado cos estándares de calidade establecidos pola Xunta", pero en realidade conta con vinte a xornada completa e outra mestra máis de matemáticas compartida con outro colexio para facer fronte ás necesidades de atención á diversidade.
OBRAS NO CENTRO
Polo demais, no encontro tamén se informou aos representantes de Vilaboa de que a Consellería de Educación ten en fase de contratación a renovación completa de toda a carpintaría exterior do CPI O Toural cun investimento de case 200.000 euros.
Esta actuación desenvolverase durante este curso e farase por fases, prioritariamente en quenda de tarde, para non interromper a actividade lectiva.
CEIP RIOMAIOR
Tamén se acordou a posta en marcha dun estudo de alternativas para conseguir unha solución para dotar dun espazo cuberto de lecer ao CEIP Riomaior, xa que a instalación dunha envolvente no patio actual non é posible dende o punto de vista técnico. Así, a unidade técnica de Educación en Pontevedra analizará as distintas opcións e cursará unha visita ao centro para concretalas sobre o terreo.
Relacionadas:
-
A ANPA do CPI O Toural alerta do recorte de profesorado para este novo curso e anuncia protestas
Por Redacción |
-
A Xunta inviste 115.000 euros na substitución da carpintería exterior do CPI O Toural
Por Redacción |
-
Vilaboa pide a Educación que asuma os custes da limpeza e do mantemento do CPI do Toural
Por Redacción |