Cuntis abre unha nova convocatoria de axudas para fomentar a natalidade no municipio
Por Redacción
O Concello de Cuntis renova o seu programa de axudas para o fomento da natalidade.
O prazo de solicitude para acollerse a esta axuda finalizará o próximo 10 de decembro. Poderán beneficiarse aquelas nais e pais, polo menos un deles, que se atopen empadroados no Concello de Cuntis cunha antelación de nove meses á solicitude da subvención e con fillos que nacesen entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021.
A renda da unidade familiar, sumada a base impoñible xeneral e a base impoñible do aforro da declaración do IRPF de 2019, non poderá superar os 45.000 euros.
A cantidade máxima das axudas será de 300 euros por cada fillo, aínda que no caso de nacementos ou de adopcións de menores con algunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33% ou con recoñecemento da situación de dependencia, a contía da axuda poderá chegar os 500 euros. A esa mesma cifra de 500 euros poderán aspirar familias numerosas ou monoparentais, sendo unha subvención compatibles con outras axudas oficiais.
Para o seu cumprimento o goberno local habilitou unha partida de 5.000 euros. No caso de que as solicitudes fagan exceder o crédito, a cantidade será prorrateada entre as solicitudes presentadas.