Luz verde á financiación da humanización da rúa Arcebispo Lago en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva destacou que "os fondos da institución provincial servirán de novo para proxectos de recuperación do espazo público nos concellos da provincia" tras a aprobación, en Xunta de Goberno, dunha achega de 385.000 euros cos que Vilagarcía levará a cabo a esperada humanización da rúa Arcebispo Lago.
A subvención, que se enmarca na liña 1 do Plan Concellos, está enfocada a eliminar o tráfico rodado continuo "nunha rúa moi destacada e importante" do concello arousán, como sinalou Carmela Silva.
A presidenta provincial lembrou que o proxecto ten un orzamento de 636.400 euros que se completa cunha achega do proxecto Ágora (100.000 euros) que fai que a inversión da Deputación nesta humanización sexa de 485.000 euros. O importe restante financiarase a través do EDUSI, fondos europeos que xestiona o Goberno de España.
A humanización da rúa Arcebispo Lago pon de manifesto como "ese gran proxecto de recuperación do espazo público que estamos a desenvolver nos viarios provinciais tamén está a chegar aos viarios municipais", recalcou a presidenta.
Con esta reforma a rúa acondicionarase para acoller usos de escala peonil, combinando a circulación e o descanso para o que se adaptarán os pavimentos aos distintos usos combinando texturas e cores. Os vehículos poderán acceder de forma puntual e introduciranse zonas verdes, zonas con auga e unha nova iluminación.
Relacionadas:
-
Greenpeace reclama arborado autóctono e solos naturais nas reformas urbanas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Saen a licitación as obras de humanización de Arcebispo Lago por 636.400 euros e un prazo de execución de 6 meses
Por Redacción |
-
A rúa Camilo José Cela de Vilagarcía, un cambio de imaxe radical que a recupera para a xente
Por Redacción |