O xulgado obriga o Concello a indemnizar unha veciña de San Roque polas inundacións do seu semisoto
Por Redacción
O Tribunal contencioso administrativo número 3 de Pontevedra obriga o Concello de Pontevedra a pagar 14.044 euros a unha veciña dunha vivenda de San Roque que sofre inundacións no semisoto da súa vivenda cando coinciden fortes precipitacións e preamar na ría de Pontevedra.
Esta veciña presentara solicitudes desde 2018 de indemnizacións polos danos ocasionados polas augas. Anabel Gulías, portavoz municipal, afirmaba este luns que o goberno local non comparte a sentenza porque "son causas difíciles de xustificar" ao tratarse de circunstancias naturais. En todo caso, a Xunta de Goberno decidiu trasladar á empresa concesionaria do servizo de augas que busque unha solución técnica para evitar novas inundacións na vivenda.
A demandante reclamaba na súa demanda que o Concello debía de exercer un control para evitar que a subida de augas e as choivas provocasen a entrada de pluviais no inmoble.
CAÍDA EN EDUARDO PONDAL
O Concello de Pontevedra tamén terá que pagar 1.500 euros a unha persoa que caía na rúa Eduardo Pondal en novembro de 2020. O particular reclamaba 5.822 euros ao caerse nunha zona que presentaba un afundimento.
O tribunal contencioso administrativo número 1 aprecia que no accidente concorren dúas causas: por unha banda, admite un defecto significativo do afundimento denunciado polo que existe certa responsabilidade por parte do Concello no control das vías municipais; pero, doutra banda, tamén aprecia falta de atención por parte do demandante. Como consecuencia, reduce a cifra económica de indemnización por responsabilidade patrimonial.