Persoal do CIF de Lourizán analiza o impacto do incendio rexistrado na localidade abulense de Navalacruz
Por Redacción
Un grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, colaborou nos últimos días na avaliación do impacto que tivo no chan o incendio rexistrado en agosto en Navalacruz, na provincia de Ávila.
Desde 2018, o CIF de Lourizán participa nun proxecto europeo con distintas institucións españolas, portuguesas e francesas mostrando como usar unha metodoloxía de acción urxente para a mitigación do risco de erosión tras os lumes.
Nesta ocasión supervisaron especialmente as zonas de serra con alto potencial de aumento do risco hidrolóxico-erosivo, xunto con profesionais da Universidade de Valencia ou da Universidade portuguesa de Aveiro.
Os investigadores de Lourizán mostraron o seu sistema de traballo en campo para delimitar as áreas máis afectadas, baseándose nunha análise do grao de afectación da vexetación e no chan. Nesa liña, localizáronse puntos de mostraxe dentro da área queimada para validar o dano.
Para logralo empréganse habitualmente índices espectrais a partir de satélite, moi útiles aínda que non proporcionan información fiable sobre o chan. Tendo en conta que este estrato é precisamente o que pode causar problemas de enterramentos ou contaminación nos cursos de auga, as investigacións do CIF centráronse nestes últimos anos en desenvolver un sistema práctico e áxil de avaliación da severidade do lume no chan que reflicta os cambios producidos por este.
Esta metodoloxía de traballo non existe noutras comunidades autónomas ou noutros países próximos con esta mesma problemática, por iso é polo que se solicitou a colaboración dos profesionais do centro pontevedrés.
Relacionadas:
-
O CIF de Lourizán acolle un seminario sobre a rexeneración dos bosques fronte á seca e os incendios forestais
Por Redacción |
-
Investigadores de Lourizán avalían en Málaga o impacto do incendio de Sierra Bermeja
Por Redacción |
-
Estudan o valor das secuoias para combater o cambio climático nos montes galegos
Por Redacción |
-
Doan 500 exemplares de grilos o Centro de investigación forestal de Lourizán
Por Redacción |
-
O Centro de investigación forestal de Lourizán traballa en 117 parcelas repartidas por toda Galicia
Por Redacción |