A Deputación destina 1 millón de euros ao ensanche e urbanización da estrada a Granxa-Dorrón
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, na súa xunta de goberno, o proxecto de ensanche e mellora da estrada A Granxa-Dorrón, na que a institución provincial investirá preto de un millón de euros.
A obra afecta a un tramo de 850 metros, desde o comezo da estrada en A Granxa, na conexión coa estrada autonómica, en dirección a Dorrón. Para acometela non serán precisas ocupacións ou expropiacións pois os veciños ceden os terreos precisos.
A estrada será ensanchada ata os 12,60 metros e dotarase de beirarrúas a ambos os dous lados, aparcamentos naquelas zonas onde haxa espazo suficiente, e dous carrís de circulación. Procederase ao seu asfaltado e á correspondente sinalización horizontal e vertical.
O proxecto prevé tamén a urbanización de todo o treito, colocando as canalizacións de recollida de pluviais, regadío, enerxía eléctrica, telefonía, etc; así como retirada do cableado co conseguinte soterramento do mesmo, e a dotación de alumeado público.
O proxecto encareceuse debido a que será precisa a construción dun muro de formigón de 5 metros de alto e 150 metros de longo para a contención da estrada e salvar un desnivel esistente.