A Xunta concede un obradoiro de emprego dual a Cerdedo-Cotobade e A Lama
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder un novo obradoiro de emprego de formato dual aos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama, pertencentes á bisbarra das Terras de Pontevedra, cun investimento global de preto de 350.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado dos alcaldes Jorge Cubela e Jorge Canda, anunciou esta mañá unha resolución nunha visita á Casa do Concello de Cerdedo-Cotobade, onde revelou que a terceira edición desta iniciativa laboral autonómica contará, baixo a denominación Lérez-Verdugo 21, cos módulos de Atención Sociosanitaria en Institucións e Forestal-Xardinaría.
Este obradoiro de emprego dual, aprobado ao abeiro da convocatoria 2021/2022, contará cunha área formativa en atención sociosanitaria, que centrará a súa actividade no coidado de persoas maiores e dependentes na residencia e no centro de día da localidade de Cerdedo, e no desenvolvemento de tarefas forestais, que incluirá melloras na ruta Cabenca-Cavadosa, no monte veciñal de Filgueira, nas áreas recreativas de Tomonde e Quireza e en diversas zonas verdes e xardíns públicos, así como a creación de espazos de viveirismo.
Esta nova quenda do obradoiro, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará con vinte participantes entre os municipios de Cerdedo-Cotobade e A Lama, a razón de dez alumnos-traballadores en cada un dos módulos.
Todos eles beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.