Un incendio de madrugada causa danos nunha nave industrial de chatarra en Lourido
Por Redacción
Sen danos persoais pero moi aparatoso. Así foi o incendio que esta madrugada sufriu unha nave industrial de tratamento de chatarra situada en Lourido.
Foron varios veciños da Avenida Peirao Besada os que, segundo o 112 Galicia, alertaron ás autoridades do incendio minutos despois das tres da madrugada. Advertiron que do interior da nave saía moito fume e lume.
Ao lugar desprazáronse os Bombeiros do Salnés que, durante máis de tres horas, centráronse en sufocar as chamas coa axuda de bombeiros chegados de Pontevedra e O Morrazo.
Ademais, tamén interviñeron nos operativo efectivos do GES de Sanxenxo, de Protección Civil de Poio e da Garda Civil, que xa investiga as causas do incendio.
O incendio calcinou parte da chatarra que había na nave e diverso material que estaba acumulado no seu interior.