Unha obra sobre a diversidade de xénero gaña os primeiros Premios Crea do campus
Por Redacción
Os Premios Crea-Creatividade e Innovación, promovidos pola Vicerreitoría do campus xunto co Consello Social da Universidade de Vigo, recoñeceron na súa primeira edición o traballo interdisciplinar de seis alumnas do campus e déronlle o primeiro premio a Doira Barrio e Anubis Muñoz por unha obra sobre a diversidade de xénero.
Os premios, que este xoves tiveron o acto de entrega dos galardóns na súa primeira edición, convocáronse para buscar que alumnado de cando menos dous ámbitos de coñecemento do campus de Pontevedra traballen conxuntamente no desenvolvemento dunha obra de carácter interdisciplinar
A titulada no máster en Dirección de Arte en Publicidade Anubis Muñoz e a egresada do Máster de Profesorado Doira Barrio alzáronse co primeiro premio deste certame por Corpos do posible, unha peza que aborda a diversidade de xénero, resultado dun proceso de traballo que buscaba combinar, explican "a educación en valores" e a "linguaxe visual propia do deseño e da comunicación".
O xurado acordou recoñecer, co segundo e terceiro premio, respectivamente, as creacións O refuxio, de Nieves Guimeráns e Raquel F. Couto, e Detrás de, de Xela Neira e Lola Rodríguez.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, presidiron na sede de Vicerreitoría o acto de entrega destes premios, impulsados neste 2020 por primeira vez e ao que se presentaron unha decena de traballos.
Soto definiu estes premios como un "recoñecemento á creatividade e innovación" do alumnado e explicou que buscaban trasladar tamén "a nosa idea de un campus aberto, con gañas de facer cousas orixinais e diferentes" a través dos proxectos de neste caso, seis estudantes, todas elas mulleres, de diferentes titulacións.
Ademais de ser coautora da obra gañadora destes Premios Crea, Doira Barrio Paratcha será este sábado protagonista da primeira das actividades que complementan a exposición 'Do final e do comezo 20210, no Pazo da Cultura. Xunto ao actor Santi Prego, levará a cabo por primeira vez, este sábado, unha performance que ideou como parte do seu TFG El capital me sienta mal.
Esta peza sen título, que poderá contemplarse ás 18.30 horas, é a primeira das actividades complementarias á exposición comisariada e coordinada polas profesoras María Covadonga Barreiro e Sonia Tourón, que terá continuidade o sábado 25 cunha nova performance, desta volta a cargo da egresada Sara Caamaño, e cunha serie de visitas guiadas á mostra do alumnado da facultade ou as charlas entre egresados da facultade e participantes na mostra proxectadas para as próximas semanas.
Relacionadas:
-
O campus xa busca os gañadores dos segundos Premios CREA
Por Redacción |
-
Unen poesía e fotografía no concurso escolar 'Lebres coma gacelas' que homenaxea a Xela Arias
Por Redacción |
-
Crean premios para recoñecer os mellores traballos de investigación do alumnado do campus
Por Alejandro Espiño |
-
O Pazo da Cultura acollerá unha performance reivindicativa de Doira B. Paratcha e Santi Prego
Por Redacción |
-
Os Premios Crea recoñecerán as obras ideadas conxuntamente por estudantes de diferentes ámbitos
Por Redacción |