Xulgan a porta pechada a un pai acusado de abusar sexualmente do seu fillo de nove anos nun bar
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgou este xoves a porta pechada a un veciño da comarca de Caldas acusado de abusar sexualmente do seu fillo de nove anos cando ambos estaban sentados na cadeira dun bar ante varias testemuñas.
O xuízo quedou visto para sentenza e, ao remate da sesión, a Fiscalía mantuvo as súas acusacións iniciais. Considérao autor dun delito de abuso sexual a un menor de 16 anos agravado polo abuso ou prevalimento da relación de parentesco e pide que que sexa condenado á pena de catro anos e seis meses de prisión e outros cinco anos e medio de inhabilitación especial para o exercicio da patria potestade.
O fiscal tamén pide á Audiencia que lle impoña a medida de liberdade vixiada de sete anos tras saír de prisión, que implicará a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con el e a obriga de participar nun programa de educación sexual.
Con ánimo de protexer ao menor, o xuízo celebrouse a porta pechada e tamén se evitou o contacto directo do neno co seu pai e acusado. Ademais, o fiscal quere que o tribunal condene ao proxenitor cunha orde de afastamento ou de prohibición de aproximarse a unha distancia inferior a 300 metros do menor, o seu domicilio, o seu centro ou lugar de estudos ou, no futuro, o seu eventual lugar de traballo ou de calquera lugar no que se atope. Tamén pide que non poida comunicarse con el por calquera medio, xa sexa verbal, directo, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático durante seis anos e medio.
O escrito de acusación recolle que os feitos que se xulgaron este xoves ocorreron hai dous anos, o 5 de setembro de 2019. Sobre as 21:00 horas o pai e o seu fillo sentaron nunhas cadeiras dun local da zona de Caldas e permaneceron alí durante uns 20 minutos nos que o home presuntamente realizou o comportamento indebido.
Así, segundo o fiscal, o acusado introduciu a man por dentro da roupa interior do neno e tocoulle os xenitais en varias ocasións. Ademais, deulle bicos no pescozo de forma constante, ata que se deu conta de que estaba a ser observado polas persoas alí presentes e abandonou o bar en compañía do seu fillo menor.
O fiscal sostén que actuou "co evidente ánimo de satisfacer os seus desexos lúbricos ou de natureza sexual e sen importarlle o menoscabo que tal acción puidese supoñer para a indemnidad sexual do seu fillo" e pide que o indemnice 900 euros.