Veciños de Laxoso reciben explicacións da Xunta sobre as obras de mellora da PO-234
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión informativa cos representantes da Asociación de Veciños e da Comunidade de Montes de Laxoso, en Ponte Caldelas, na que se abordou o proxecto da terceira e derradeira fase da mellora da estrada autonómica PO-234, entre Ponte Caldelas e a parroquia de Augasantas, no Concello de Cerdedo-Cotobade.
O representante autonómico, acompañado dos servizos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, explicoulles a configuración da obra, cuxo proxecto aínda se atopa na fase de información pública.
“Estamos para atender, servir e escoitar aos cidadáns e para os veciños de Laxoso era importante coñecer un proxecto de tanta envergadura, polo que atendemos a súa solicitude de reunión o máis rápido posible e achegámoslles todos os detalles e coñecemos as súas suxestións”, explicou Luis López.
Esta actuación permitirá rematar coa modernización da estrada PO-234 e suporá un novo investimento, de máis dun millón de euros, no treito correspondente entre Laxoso e o cruce de Portasouto.
A mellora comprenderá o tramo entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150 coa mellora do trazado e ampliación da plataforma ata os 7 metros de anchura, a construción de cunetas de seguridade e dotación de drenaxes e a reposición de sinalización horizontal e vertical e de barreiras de seguridade flexibles.
Cómpre sinalar que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa investíu máis de 1,25 millóns de euros na execución das dúas primeiras fases, que xa están rematadas.
Relacionadas:
-
A Xunta convoca os afectados polas obras da PO-234 entre Laxoso e Portasouto
Por Redacción |
-
Xa se poden presentar alegacións á mellora da estrada PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto
Por Redacción |
-
Andrés Díaz asegura que "a Xunta de Galicia leva máis de seis anos sen facer ningún investimento en Ponte Caldelas"
Por Oskar Viéitez |