Volven os premios Youtubeiras, que este ano confían en bater todos os récords de participación
Por Redacción
O Concello de Pontevedra mantén este ano o seu apoio aos Premios Youtubeiras, un proxecto organizado e proxectado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, das tres universidades e da Deputación da Coruña.
Os premios, que Pontevedra apoia e promove, abren este mércores o prazo de inscrición para a súa quinta edición, que terá como principais obxectivos impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa.
A iniciativa presentouse este mércores en Santiago de Compostela e, durante o acto, Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras, sinalou que dende a primeira edición en 2017 a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos en galego non deixou de medrar ao abeiro do concurso. En 2017 concorreron 202 vídeos e en 2020 a cifra ascendeu a 536.
Este ano o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que rematará o 22 de outubro, pero confían en que se superará a marca de 2020.
A grande novidade desta quinta edición é que este ano, co obxectivo de fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores.
A edición deste ano leva por lema 'Magnetismo en liña', co obxectivo de remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. Carme Pereiro explicou que o que se pretende con esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura de youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro exerce xa na sociedade.
O xurado que decidirá quen gaña en todas as categorías, agás no caso do Premio do Público, estará integrado polas seguintes persoas: o sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia.
Por segunda edición consecutiva, os premios estarán divididos en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.
Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.
Rubén Prol, concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames, tamén presentaron o proxecto este mércores.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo de inscrición da sétima edición dos premios Youtubeiras
Por Oskar Viéitez |
-
Youtubeir@s volve con 7.500 euros en premios e ánimo de formar novos difusores da lingua
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
'Un Rapá Transquilo', un concerto virtual de Éric Dopazo para retomar os Vermús de Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
Acento pontevedrés 'anti-San Valentín' para gañar a primeira edición de Youtubeir@s
Por Redacción |