Poio marca o 17 de agosto e o 24 de setembro como festivos locais para o 2022
Por Redacción
A Corporación municipal aprobou no pleno celebrado a finais do pasado mes de agosto unha proposta para determinar os festivos locais no concello de Poio no ano 2022. A devandita proposta, que contou co respaldo de todos os grupos, fixa o 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, e o 24 de setembro, Día da Merced, como xornadas festivas o vindeiro ano no municipio.
Deste xeito, repetirase o calendario de festividades no municipio que xa se deu en 2020. Este cambio ven dado polo feito de que o 24 de xuño, día de San Xoán (patrón de Poio e que acostuma a ser festivo local), será en 2022 festivo en toda Galicia.
Por outra banda, o Concello de Poio lembra tamén que o horario de inverno de atención ao público no consistorio entrará en vigor a partires do vindeiro 27 de setembro (luns), pasando a ser de 8.00 a 15.00 horas. Ata entón, continuará o de verán, iniciado en xuño.