23 de outubro, data límite para regularizar os vaos municipais
Por Alejandro Espiño
Acaba o tempo para que aquelas persoas ou comunidades que teñan solicitado un vao para as entradas das súas casas ou garaxes regularicen a súa situación. A data límite, segundo avanzou este mércores o Concello, será o próximo 23 de outubro.
É o momento no que decaerá a moratoria dun ano que se aprobou con motivo da entrada en vigor da ordenanza municipal de mobilidade. Desde ese momento, só serán efectivos ou terán licenza os vaos que foran regularizados coa sinalética homologada polo Concello.
A edil Eva Vilaverde explicou que os técnicos municipais, no traballo previo a esta regularización, identificaron 1.830 vaos na cidade, abrindo os seus correspondentes expedientes. O Concello estimaba colocar unhas 1.400 placas, gratuítas para os interesados.
Pero de todos eses expedientes, 315 están pendentes de notificar ao non atopar aos titulares dos vaos, en 297 casos os interesados non solicitaron a renovación das autorizacións e, por último, outros 68 teñen que aportar nova documentación.
A maioría destes últimos, pendentes de solicitude ou de documentación, pertencen a administradoras de fincas ou comunidades de propietarios, polo que Vilaverde fixo un chamamento para que non demoren máis a súa tramitación.
A partir do 23 de outubro, reiterou a concelleira de Seguridade Cidadá, as placas antigas e non homologadas de vaos "deixarán de ter licenza, non estarán actualizadas, e polo tanto non cumprirán coa normativa vixente".
Non ter un vao actualizado segundo a normativa terá unha serie de consecuencias para os propietarios. En primeiro lugar, os vehículos que ocupen estes vaos non serán retirados e mesmo poderían ser sancionados por ter unha sinalética inadecuada.
Nos casos máis graves, que eses vaos sen regularizar supoñan un perigo para a mobilidade ou dificulten a accesibilidade universal, estas sancións poderían chegar ata os 20.000 euros.