O transporte público de Pontevedra terá unha nova parada diante da estación de autobuses
Por Redacción
Os impulsores do transporte público de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello, mantiveron este martes unha xuntanza de coordinación coas dúas empresas concesionarias destas liñas, Rías Baixas e Monbús, para ultimar os detalles do servizo.
Nela, revisáronse as paradas por se houbera que facer algún cambio ou mellora. Pediuse incrementar a información na parada de Montecelo ou crear unha exterior na estación de autobuses que estará situada na que fora entrada de autobuses ata uns días.
Ademais, revisaron a campaña informativa que se porá en marcha a partir da vindeira semana coa instalación de toda a información nas marquesiñas, a colocación de sinalización específica en todas as paradas das rutas ou unha intervención específica na praza de Galicia.
Tamén haberá trípticos que serán distribuídos na estación de autobuses, nos propios autobuses ou nas caixas de correo de todos os edificios de Monte Porreiro, un dos barrios máis beneficiados das novas rutas de transporte urbano.
LUGO INTERÉSASE POLO TRANSPORTE A DEMANDA
Durante esta xornada, Pontevedra recibiu unha delegación do Concello de Lugo, encabezada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que se achegou a Pontevedra interesada en coñecer o proxecto de transporte a demanda que se está a proxectar.
Así, os técnicos municipais explicaron os contratos que están en marcha na actualidade, tanto de creación da app que xestionará o servizo como os estudos de mobilidade da poboación susceptible de empregar este transporte.
A delegación de Lugo amosouse moi interesada no sistema de Pontevedra aínda que o que se poderá implantar alí será diferente, dado que Lugo é un concello cunha superficie maior que Pontevedra e tamén con máis parroquias.
Relacionadas:
-
Continúa a reforma da estación de autobuses ao superar a crise da subministración de materiais
Por Redacción |
-
Trinta e sete fitos completan a sinalización do transporte urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O bus urbano inicia unha nova andaina con incorporación de paradas e percorridos perimetrais
Por Anxo Lourido |
-
As dúas liñas de transporte urbano circularán a diario entre as 07:15 e as 22:30 horas
Por Alejandro Espiño |
-
En outubro entran en funcionamento as novas liñas de bus urbano coa opción da tarxeta-moedeiro
Por Redacción |
-
As viaxes no transporte público de Pontevedra custarán 0,85 céntimos
Por Alejandro Espiño |