Os Coribantes pechan tres meses de Noites de Terraza en Ponte Caldelas
Por Redacción
A agrupación Os Coribantes de Buchabade puxo esta fin de semana o broche de ouro á programación que durante os últimos tres meses encheu de actividade o centro de Ponte Caldelas. Este domingo deron un concerto arredor da Fonte Luminosa na que desde xuño se celebraron o que se bautizou como 'Noites de Terraza'.
O Concello de Ponte Caldelas organizou concertos todas as fins de semana dende mediados de xuño ata este domingo 12 de setembro e pechou o ciclo cun concerto que o alcalde, Andrés Diaz, cualificou de "espectacular e vistoso".
O alcalde destaca que é un orgullo que Ponte Caldelas conte "cunha banda desta categoría, que nos ofreceu un espectáculo de música, baile e luz do máis alto nivel".
Andrés Díaz tamén asegurou que este formato de programación "chegou para quedar polo éxito que tivo" xa o ano pasado e que repetiu este verán.
A proposta musical foi moi variada, incluíndo fados, mariachis, flamenco, música clásica, música tradicional, pop, rock e heavy. Entre as actuacións máis destacadas estivo a sesión de Fados con Erea Castro; a actuación dos mariachis de Leonardo Flores, a actuación de música clásica de Samudra Trío ou o concerto de Milladoiro.
As ‘Noites de Terraza’ tiveron lugar os venres e sábados a partir das 21.30 horas na Alameda de Ponte Caldelas e na Praza de España, cunha iluminación especial similar á instalada e cunha amplificación de son que pode escoitarse en ambos espazos a través do sistema de megafonía instalado polo Concello de Ponte Caldelas en 2020.
As actuacións foron ao aire libre e con ocupación controlada a través das mesas da hostalería autorizadas previamente polo Concello de Ponte Caldelas.
Ademais, todos os domingos do mes de agosto houbo sesión vermú con bandas de música a partir das 13.00 horas e a semana das Festas das Dores, que este ano non se celebraron como tradicionalmente, tamén se estendeu a programación cultural ata o martes, cando actuou a Banda de Guerra da Brilat na Fonte Luminosa de Ponte Caldelas.