A feira 'Troco e Troula' transfórmase en roupa, maletas e diñeiro solidarios para os servizos sociais de Poio
Por Redacción
Os responsables e participantes no Proxecto Senda 2021 entregaron este luns ao departamento de Servizos Sociais de Poio unha achega solidaria como resultado da celebración da Feira 'Troco e Troula' o pasado día 5 de setembro.
Trátase de material, produtos e cartos en efectivo recadados durante a celebración deste evento organizado no lugar da Reiboa polas 15 persoas que tomaron parte da última edición do ‘Senda’.
A concelleira responsable desta área, Rosa Fernández (PSOE), foi a encargada de recibir aos responsables do Proxecto Senda, que xa suma catro edicións, e expresou o seu agradecemento por esta doazón, roupa, maletas e outros elementos que o departamento municipal procederá a repartir nos vindeiros días entre as familias do concello máis necesitadas.
Preto dunha ducia de negocios e marcas da contorna habilitaron un stand na Feira 'Troco e Troula', unha actividade na que se ofrecía a posibilidade de intercambiar todo tipo de bens e produtos, desde xoguetes, libros ou antigüidades ata pequenos electrodomésticos.
Facendo entrega destes produtos, os e as participantes podían adquirir a cambio ‘sendas’, a modo de moeda, para facerse con outros bens en diferentes stands. Entre as marcas que participaron figuran Artes Ana, Ogasa, Cervexa Meiga, Adolfo Suárez, Rubearth, Fanithings, 4Ponlas, María Cereza e Prendamia.
O concelleiro de Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, agradeceu a participación do grupo de pandereteiras da Asociación Ronsel e a presenza da escritora Diana López.