Concello e Universidade unen forzas para "reverter o proceso de ocultación social da lingua"
Por Oskar Viéitez
O comezo dos estudos universitarios é un momento de cambio para o estudantado, nas súas formas de vida, nas súas relacións persoais ..., polo que tamén pode ser un bo momento para cambiar de idioma. Partindo desta idea, a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra promoven o programa 'Falamos', destinado a "reverter o proceso de ocultación social da lingua".
O obxectivo é promover o uso do galego entre o alumnado do Campus de Pontevedra, tanto entre as persoas que o fixeron con anterioridade como entre os mozos castelanfalantes.
Así, a partir deste martes 14 de setembro comezarán unha serie de iniciativas, principalmente de carácter lúdico, que se desenvolverán no marco deste programa, presentado este luns polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da área de Normalización Lingüística da Universidade, Fernando Ramallo; e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
O programa 'Falamos' inclúe catro actividades no primeiro cuatrimestre do curso para socializar, facer amigos, aprender, divertirse ... en galego.
Haberá un Club de lectura, con Aurora Redondo; un obradoiro de teatro con Vicky Estévez e un voluntariado lingüístico, que consistirá en reunir pequenos grupos de persoas, unhas das cales falan galego con fluidez e regularidade con outras que están aprendendo a usalo.
Finalmente, 'Bolboretas no bandullo' encargarase do taller de cociña. Á fronte deste proxecto hai dous filólogos: Diana Fernández e David Díaz, que fusionaron as súas dúas paixóns: cociña e língua. O seu non é un simple repositorio de receitas en internet, é un proxecto dixital comprometido coa lingua e a cultura galegas que pretende facer unha importante contribución á presenza da nosa lingua na rede.
INSCRICIÓNS
O proceso de inscricións para participar en Falamos arrinca este martes, ás 10 da mañá, diante da facultade de Ciencias Sociais. Alí estará unha das dúas casetas habilitadas que estarán "rulando" por todo o campus durante o martes, mércores e xoves da vindeira semana.
O martes e o mércores estarán pola mañá e pola tarde en Ciencias Sociais e en Belas Artes, en horario de 10 a 13 horas, e de 16 a 19 horas. O xoves manteranse os horarios, mais as casetas estarán situadas en Ciencias Sociais e en Fisioterapia.
Nestas casetas os inscritos recibirán un agasallo con material do programa —unha bolsa, unha pulseira, un lapis, un caderno e unha carpeta— co que "presumir de lingua todos os días do ano".