Rescatan un windsurfista en apuros no Grove
Por Redacción
Os equipos de emerxencia rescataron este domingo a un practicante de windsurf en apuros no Grove.
Foi nas proximidades do Porto Meloxo despois de que se iniciase un operativo de busca ao ser atopada unha táboa á deriva preto das bateas da localidade.
Un equipo da Garda Civil do Mar localizou ao varón e trasladouno ata o peirao, onde agardaba unha ambulancia de urxencias sanitarias. O windsurfista era un veciño de Madrid que presentaba síntomas de hipotermia.
Preto das cinco horas da tarde do domingo, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta que permitiu accionar aos medios de rescate.
Segundo a información facilitada aos xestores do 112 pola persoa particular que contactou coa central galega de emerxencias, unha táboa abandonada fixo sospeitar ao alertante de que o seu propietario podería atoparse en perigo.
De inmediato, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos equipos de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Así, os equipos de emerxencia trataron de recadar toda a información posible pola zona co fin de coñecer o paradoiro do propietario da prancha deportiva.
Así, unha minuciosa busca na contorna permitiu aos equipos de intervención encontrar ao home suxeito nunhas bateas e evacualo en seguridade ata o porto.
Ademais, desde o 112 tamén pasouse aviso aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil do Grove.