O alcalde de Meaño presenta o seu novo partido político
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez Fernández, presentou o seu novo partido político, Veciños de Meaño, no que lle acompañan os concelleiros do seu grupo de goberno Ramón Alfonso Piñeiro, María Dolores Balboa, Ángel Currás, Ramón Tilve e María Estévez, así como outras moitas persoas que formaban parte do equipo co que gañou as pasadas eleccións municipais.
Esta formación política nace despois de que o PP expulsase das súas filas ao alcalde de Meaño por "manifesta deslealdade" co partido e por "desobediencia" ás instrucións recibidas ao facilitar que o PSOE presida a Mancomunidade do Salnés cos votos dos edís populares en Meaño.
"Os nosos valores son o traballo e a humildade, e a nosa prioridade absoluta será a defensa dos intereses dos veciños de Meaño", afirmou Viéitez no acto de presentación do novo partido celebrado este venres nunha casa de turismo rural de Xil. "Estaremos por encima das siglas e das ideoloxías", engadiu
Veciños de Meaño ten a intención de presentarse ás eleccións municipais de 2023.