O Avoa Fest recupera o patrimonio gastronómico e homenaxea ás avoas e ás súas receitas
Por Redacción
Recuperar o patrimonio gastronómico da cidade a través da herdanza das receitas familiares, nunha homenaxe ás avoas, esas mulleres que gardaron a memoria culinaria cos seus receitarios, é o principal obxectivo do Avoa Fest 2021, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro.
O evento, organizado en colaboración coa firma especializada Carta Blanca, desenvolverase entre os días 17 e 26 de setembro, cun amplo programa de actividades que inclúe a instalación dun Bosque da Memoria para deixar lembranzas e receitas das avoas, a celebración do Desafío Filloa, a edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra, un Roteiro de Postres da Avoa en colaboración coa hostalería local e un taller de postres tradicionais coas avoas da residencia Saraiva.
O Avoa Fest será inaugurado o vindeiro venres 17 ás 12:00 horas coa presentación do Bosque da Memoria, nun acto no que participarán o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que estará amenizado pola Fada da Memoria e no que tamén se visionará unha peza audiovisual realizada especialmente para promocionar a cita culinaria.
O Bosque, que permanecerá instalado até o 26 de setembro na Praza da Peregrina, converterase nun espazo no que a poboación poderá ir deixando (penduradas nas árbores) homenaxes persoais, como fotografías, debuxos ou mensaxes, ás súas avoas, presentes e ausentes. Na mesma carpa colocarase tamén un buzón para que a cidadanía poida depositar as receitas tradicionais herdadas das súas familias, promovendo e poñendo en valor deste xeito a historia gastronómica da nosa cidade. "Será un espazo cargado de emocións e de amor, polas nosas avoas e pola gastronomía tradicional, no que eu mesma deixarei por suposto a miña homenaxe", asegura Yoya Blanco.
O sábado 18 de setembro celebrarase na Alameda a partir das 18:00 horas o agardado Desafío Filloa. A través das redes sociais do Concello e de Pontevedra Capital Gastro invitarase á cidadanía para que participe enviando vídeos de avoas presentando a súa candidatura para cociñar cun neto ou neta unhas filloas. Segundo aclara Blanco, "estes vídeos serán votados para seleccionar ás parellas avoa-neto que tomarán parte no desafío, para o que se instalarán catro cociñas nas que deberán cociñar a mellor filloa".
"Cada equipo terá unha cor e repartiranse banderíns cos mesmos para que a xente poida achegar o seu grao de area apoiando a unha parella. O xurado -apunta a socialista- estará composto polos nosos cociñeiros e cociñeiras da Banda Cociñas de Pontevedra, que puntuará e elixirá ao equipo gañador, que recibirá a Culler de Madeira gravada".
Outro dos pratos fortes do programa será o Roteiro de Postres da Avoa, no que os hostaleiros da cidade participarán propoñendo dentro da súa carta un postre herdado das súas avoas. A Concellería de Promoción Económica difundirá un folleto no que se dará a coñecer a proposta de establecementos.
O Avoa Fest, que tamén contempla a elaboración e edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra coas receitas achegadas pola cidadanía (co obxectivo de ilo aumentando ano a ano), clausurarase o domingo 26 de setembro cun taller de postres tradicionais no que se implicará ás avoas da residencia Saraiva.
Relacionadas:
-
Unha romaría dos anos 50 na Illa das Esculturas dará unha volta ao Avoa Fest o sábado 28 de maio
Por Natalia Puga & Diana Eiras |
-
Os maiores de Saraiva demostran que as receitas das avoas non hai quen as supere
Por Redacción |
-
Pontevedra elixe a mellor filloa da cidade
Por Redacción |
-
O Avoa Fest, á procura do recetario ancestral da cidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O barrio da Moureira recibe o primeiro Premio Gastronómico "Loureiro de Ouro" da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
A hostalería de Pontevedra activa o roteiro da Festa das Cunchas
Por Redacción |
-
Pontevedra aposta polo marisco e lanza a primeira Festa das Cunchas
Por Manu Otero |
-
Primeiros pasos da marca Pontevedra Capital Gastro para converter a cidade en referente gastronómico
Por Redacción |
-
'Pontevedra Capital Gastro' comeza a súa andaina para impulsar os sectores do turismo, hostalería e alimentación
Por Mónica Patxot & Redacción |