María Ramallo visita os centros escolares de Marín para mostrar o seu apoio no inicio do novo curso
Por Redacción
Co inicio do novo curso escolar, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitou varios centros rematando este venres a ronda nos colexios de Seixo e en Nosa Señora do Carme.
Neste último centro, finalmente quedan 30 alumnos e alumnas con dúas unidades, que contarán con dúas mestras, unha persoa coidadora para alumnado con necesidades especiais, un PT (Pedagoxía Terapéutica) con 10 horas á semana, un AL (Audición e Linguaxe) con cinco horas á semana, unha persoa de Orientación con 3 horas semanales e tres mestres, de Inglés, Relixión Católica e Relixión Evanxélica respectivamente, con 2 horas á semana cada un.
Pola súa banda, a alcaldesa, acompañada pola concelleira de Educación, Marián Sanmartín, interesouse en Seixo polas obras de mellora de parte do muro exterior, que foron realizadas durante a temporada de verán co obxectivo de comezar o período lectivo con toda a infraestrutura lista.
Ademais, incidiu na axuda que desde o Concello se quere prestar ás familias que fan uso do comedor escolar, coa cofinanciación de 10 euros ao mes por cada neno, ademais do pago completo nos casos derivados de Servizos Sociais.
Finalmente, Ramallo mostrou todo o seu apoio a Ampas e equipos directivos "para seguir traballando man a man para que os centros educativos vaian mellorando, crecendo e optimizando a súa oferta" e explicou que desde o Concello seguirán intensificando a limpeza nos centros para garantir a seguridade.