Xustifica unha acusación por tráfico de drogas na súa mala fama
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebrou este xoves un xuízo por un delito contra a saúde pública no que dous dos acusados recoñeceron todos os feitos pero o terceiro procesado asegurou que estaba incriminado pola súa mala fama.
Segundo recoñeceron ante o tribunal dous dos acusados, Francisca D.G. e José D.L., esta parella da Pobra do Caramiñal foi a comprar droga por encarga do terceiro acusado, Jesús F.S., quen lles prometeu a cambio droga de balde, entregándolles un sobre con diñeiro para pagar a venda.
"Le teníamos mucho miedo a Suso porque tenía dos armas y ya me había amenazado anteriormente", declarou Francisca, polo que xunto á súa parella José acudiron á zona de Castrelo en Cambados para a compra de heroína onde foron sorprendidos pola Garda Civil.
Non obstante Jesús declárase inocente e rexeita esta versión dos feitos. Dixo ante o tribunal que coñece a estes mozos "de vista" e engadiu "no entiendo por qué me metieron en este lío. La única explicación es porque yo en aquella época era muy conocido", dixo en referencia á súa mala fama.
Como recordou o avogado de Jesús, o seu cliente acumula 78 antecedentes policiais, "aunque ninguno por tenencia de armas" e nestes momentos se encontra recluído no cárcere de Teixeiro (A Coruña) cumprindo unha condena de 16 anos e medio de prisión.
Nas súas conclusións definitivas a Fiscalía pediu dous anos de prisión para Francisca e José e unha multa polo dobre do valor da cantidade incautada que segundo os peritos resultou ser 84 gramos de heroína cun prezo no mercado ilícito de 5.298 euros.
O Ministerio Público pediu idéntica multa para Xesús e unha solicitude de condena de 4 anos ao entender que a droga ía destinada "a la venta a terceras personas al ser esta la actividad a la que se dedicaba". Inicialmente a fiscal solicitara pena de seis anos de prisión para cada un dos tres acusados. Durante o xuízo ademais do recoñecemento dos feitos e a conformidade coa condena de Francisca e José, a fiscal tivo en conta o atenuante de drogadicción dos tres procesados.