O GALP subvenciona 27 novos proxectos para potenciar a actividade económica na ría

Por Redacción
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra deu a coñecer os 27 proxectos aprobados promovidos por emprendedores e entidades da área da Ría de Pontevedra na última convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca que se pechou o pasado 1 de marzo.
Son iniciativas que mellorarán a competitividade dos sectores pesqueiro e marisqueiro da ría e ademais fomentarán a diversificación e o crecemento da actividade económica, impulsarán o aproveitamento dos recursos medioambientais, promoverán a protección e a posta en valor do patrimonio e promocionarán o desenvolvemento local.
Das 54 solicitudes recibidas foron seleccionadas 27. Entre os proxectos produtivos atópanse propostas do máis diverso que van desde a adquisición de vehículos isotérmicos para a comercialización de peixe ata o acondicionamento dun restaurante pasando pola adaptación á venda en liña, o desenvolvemento de novas liñas de produtos, experiencias relacionadas coa pescaturismo ou maquinaria para cargar algas.
En canto aos proxectos non produtivos hai iniciativas vinculadas ao aproveitamento e recuperación dos recursos naturais e patrimoniais da Ría de Pontevedra como programas educativos promovidos por concellos, proxectos de mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade para equipamentos turísticos; e tamén xurdiron iniciativas de restauración de embarcacións tradicionais e de desenvolvemento de servizos turísticos en bicicleta.
En canto as partidas económicas, os investimentos superan o millón e medio de euros, sendo o importe subvencionable de preto dun millón trescentos mil euros. Desde 2016, o número de iniciativas apoiadas polo GALP roza o centenar.
De feito, xa está aberta unha nova convocatoria de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de setembro. Os proxectos deben desenvolverse nos concellos da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra, que son Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo ou Meaño.
Por outro lado, este mércores presentouse publicamente o proxecto RELEVO2_Mocidade Abordo co que os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Vigo – A Guarda, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Golfo Ártabro Norte e A Mariña Ortegal colaborarán para achegar o sector pesqueiro e as súas oportunidades de futuro ao alumnado de 4º de ESO.
Relacionadas:
-
A Lonxa de Campelo fai un balance positivo da implantación dunha app para xestionar o marisqueo
Por Oskar Viéitez |
-
O GALP busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola aos centros de secundaria
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu colabora con Aqualia na renovación do abastecemento de auga en Meáns
Por Redacción |
-
Marín garda dous millóns de euros para posicionarse como vila turística
Por Redacción |
-
Ons recibiu a 80.000 visitantes este verán
Por Redacción |
-
O proxecto da Lonxa de Campelo para adquirir un autocargador de algas, o máis puntuado para as axudas do GALP
Por Redacción |
-
Récord de solicitudes para as axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción |