Barro renova o convenio coa ANPA do colexio Amor Ruibal para financiar o comedor escolar
Por Redacción
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mantivo unha reunión con representantes da ANPA do colexio Amor Ruibal para analizar o inicio do novo curso escolar, que este ano tamén estará condicionado pola situación sanitaria que aínda estamos padecendo.
Na xuntanza acordaron seguir mantendo o salón de actos da biblioteca municipal como anexo do comedor escolar, xa que no local habilitado no colexio para esa finalidade non hai espazo suficiente para que os usuarios poidan cumprir as limitacións de aforo e as distancias de seguridade.
Ademáis, Abraldes confirmou que o Concello seguirá apoiando con 18.000 euros o gasto que supón para as familias o comedor escolar a través da renovación do convenio de colaboración entre a ANPA e o concello de Barro para esta finalidade.
O goberno municipal seguirá mantendo un ano máis un servizo de limpeza e desinfección durante as mañás nos espazos compartidos polas distintas burbullas, como son os servizos e outros espazos sensibles, para cumprir os protocolos da Consellería de Educación e que se financia exclusivamente con fondos municipais.
Para Abraldes é de destacar "o bo labor que está levando a cabo a ANPA facendo todo o posible por manter o comedor escolar a pesar de non ser a súa responsabilidade, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar e moitas familias".