Ultiman a posta a punto dos colexios de Cerdedo-Cotobade ante a 'volta ao cole'
Por Redacción
Operarios das brigadas municipais estiveron a realizar esta semana as últimas tarefas de mantemento nos colexios de Cerdedo-Cotobade, co obxectivo de que estean nas mellores condicións para o regreso do alumnado ás aulas.
Así, fixéronse obras de mantemento en todos os centros educativos do municipio afrontando pintados e reacondicionamentos de aulas, melloras na recollida de augas pluviais ou a roza e limpeza integral de todos os colexios.
Entre as obras máis importantes están o investimento duns 22.000 euros realizados polo Concello para adecuar a Escola Infantil de Tenorio ás necesidades que precisaba, entre elas o cambio de céspede artificial, a zona de xogos e varias reformas interiores.
Tamén varias aulas do colexio de Cerdedo foron obxecto da intervención municipal a través das brigadas de obras e mantemento.
O pintado, mellora de espazos públicos e reparación de fiestras, persianas ou billas de auga marcaron as principais actuacións dos operarios municipais neste centro educativo.
Ademais, e paralelamente a estes traballos nos centros educativos, avanzan a bo ritmo toda unha serie de obras que se acometen en zonas exteriores dos colexios, pero que mellorarán a súa accesibilidade, saneamento e seguridade para os cativos.
Así, a senda peonil xunto ao centro educativo de Tenorio vai tomando forma, o que permitirá este mesmo curso gañar en operatividade e accesibilidade aos alumnos e as súas familias en todo o complexo educativo e deportivo alí existente.
Relacionadas:
-
A humanización da nova senda peonil de Tenorio xa está rematada
Por Redacción |
-
Comezan as obras da nova senda peonil de Tenorio
Por Redacción |
-
Instalan unha lona no patio cuberto do colexio de Tenorio para protexer a rapazada da chuvia
Por Redacción |
-
O colexio de Cerdedo estrea un novo patio interior para actividades a cuberto
Por Isabel Feijóo Gallardo |