A Xunta e hostaleiros pechan un acordo de apertura estable do sector
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron este martes unha xuntanza por videoconferencia con representantes da hostalería na que pecharon un acordo para levar a cabo unha apertura estable dos locais en toda Galicia que garanta o acceso con independencia da situación epidemiolóxica de cada lugar.
O acordo foi abordado polo comité clínico na reunión desta tarde e este mércores será o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo quen compareza en rolda de prensa para informar das decisións adoptadas.
O conselleiro de Sanidade avanzou que o novo protocolo establecerá dous niveis con distintas condicións en canto ao cumprimento das normas anticovid por parte dos establecementos para acadar unha maior capacidade.
Alfonso Rueda destacou a importancia de ofrecer este "marco estable" grazas a este "documento de consenso" que supón un modelo pioneiro en toda España que, segundo explicou, "probablemente sexa seguido tamén noutros territorios".
Tamén incidiu na "participación activa do sector na toma de decisións e o diálogo ao longo destes meses para chegar a acordos" coma este que, segundo sinalou, foi consensuado coas catro asociacións provinciais de empresarios de hostalería e co Clúster Turismo de Galicia.
Así, engadiu que o cumprimento das restricións sanitarias acordadas ata agora, "foi precisamente o que axudou a chegar a esta situación e poder dar este paso cun documento baseado na responsabilidade que suporá un avance definitivo para o sector".
LECER NOCTURNO
Noutro encontro con representantes do sector do ocio nocturno, a Xunta propuxo trasladar un modelo similar ao pechado coa hostalería pero adaptado ás condicións específicas de discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festa, salas de concerto e outros asimilables, coa previsión de chegar a un texto consensuado a finais deste mes.
En ambas reunións tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
BAIXADA DE NIVEL
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou na súa xuntanza desta tarde, o nivel alto de restricións para os concellos de Melide, Monforte de Lemos, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo. Deste xeito, non queda ningún municipio galego en nivel máximo.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Muros, Santa Comba, Agolada, Arzúa, O Pino, Ordes, Lugo, Taboada, Antas de Ulla, Castro de Rei, Monterroso, Palas de Rei, Sarria, Arteixo, Muxía e Nigrán.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo. Entre eles todos os que conforman a área sanitaria de Pontevedra - O Salnés.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 11 de setembro.
Relacionadas:
-
Só os locais de hostalería máis esixentes poderán abrir as barras a partir do 15 de setembro
Por Oskar Viéitez |
-
Os centros de vacinación masiva abrirán este sábado sen cita previa para maiores de 12 anos
Por Oskar Viéitez |
-
A hostalería segue negociando a ampliación de aforos e horarios
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG argumenta o seu rexeitamento ao certificado covid: non ven ecuánime "demonizar ao sector de servizos de hostalería"
Por Natalia Puga |
-
A hostalería segue sentíndose sinalada, prexudicada e farta da discriminación ao lecer nocturno
Por Manu Otero & Natalia Puga |