Interceptan na Illa un condutor que circulaba sen carné e sen a ITV en regra
Por Redacción
A Policía Local da Illa de Arousa detivo na mañá deste martes durante un control rutineiro de estrada a un condutor que circulaba sen carné e sen a ITV do vehículo en regra.
Ao redor das 10 horas da mañá, nun control estático na estrada da Franqueira, os axentes detectaron a manobra evasiva dun vehículo conducido por un home de 50 anos e veciño do municipio. O infractor tratou de estacionar o seu coche e introducirse nunha vivenda da zona sen ser o seu domicilio. Os axentes decatáronse e o veciño accedeu a abandonar o lugar admitindo que carecía de permiso de conducir en vigor pola perda de todos os puntos. Ademais, o vehículo tamén carecía da ITV en vigor.
Por todo iso, o condutor pasa a ser investigado polo penal por un delito contra a seguridade viaria, ademais de ser denunciado administrativamente por notener a Inspección Técnica do Vehículo en regra.
Desde a Policía Local da Illa advirten de que estas condutas son "moi perigosas" e conlevan penas de prisión de entre 3 e 6 meses ou condenas de traballos en beneficio da comunidade de ata tres meses.