Rescatan unha cría de corzo ferida en Cuntis
Por Manu Otero
Voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Cuntis rescataron este martes a unha cría de corzo achada ferida no lugar de Zoo, na localidade cuntiense de Mesego.
Explican desde Protección Civil que o animal xa fora avistado hai días cun estado de saúde preocupante, pero non foi ata este martes cando recibiron o aviso para proceder ao seu rescate.
A cría atopábase tombada ao fondo dunha cuneta de complicado acceso e tras chegar a ela comprobaron que que estaba cega dun ollo e presentaba mordeduras, que en principio descartan que sexan dun lobo, na parte traseira do seu corpo.
O animal foi trasladado a dependencias de Protección Civil, desde onde contactaron co Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo no que xa se atopa ingresado para tratar de curar as súas feridas e devolvelo ao monte, aínda que o prognóstico inicial non é nada halagüeño, recoñecen desde Protección Civil.
Non é o primeiro animal salvaxe que trasladan a este centro de forma recente. No mes de maio xa derivaron a un lobo ibérico que fora achado no interior dunha casa de Castrolandín con claros síntomas de desnutrición. Finalmente, o cánido non puido recuperarse e acabou morrendo 48 horas despois do seu ingreso.
Con todo, a presenza de lobos no municipio cuntiense comeza a resultar xa habitual. Nunha competición equina que tivo lugar esta fin de semana por terreos forestais, foron varios os xinetes que se cruzaron con outro exemplar de lobo ibérico en zonas de monte próximas a núcleos de poboación.