Morre un home de 77 anos nun accidente de tráfico en Bora

Por Oskar Viéitez
Un home de 77 anos, con iniciais JFR, faleceu nun accidente de tráfico ocorrido este luns no municipio de Pontevedra, segundo informou a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O accidente ocorreu sobre as once e media da mañá deste luns na rotonda de Bora, nas proximidades da ITV, nunha colisión entre dous vehículos.
Un particular alertou ao 112 para reclamar asistencia sanitaria. Foron avisados, entre outros, o 061, Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Bombeiros de Pontevedra e Protección Civil.
O home, veciño de Campo Lameiro, faleceu no lugar do sinistro, a pesar dos esforzos do equipo sanitario desprazado en dúas ambulancias asistenciais, indica o 061.
A Garda Civil trata de aclarar as circunstancias deste suceso ocorrido na estrada N-541, que comunica Pontevedra con Ourense.
Segundo testemuñas presenciais o falecido debeu sufrir algunha indisposición porque seguiu acelerando o vehículo despois de chocar contra unha furgoneta e saírse da vía.