Organizan un velorio público o día do peche da sucursal de Abanca en Campo Lameiro
Por Redacción
Campo Lameiro celebrará un velorio na noite do 8 de setembro para expresar a repulsa dos veciños do municipio ante o peche da sucursal de Abanca, prevista para ese mesmo día.
O acto ten previsto comezar ás 21:30 horas e os concentrados acompañarán a un cadaleito especialmente confeccionado para escenificar a morte do mundo rural galego coa desaparición paulatina de servizos esenciais para fixar poboación.
O cortexo fúnebre, acompañado por veciños portando unha vela ou un cirio, partirá desde a Praza do Concello para dirixirse ata a sucursal de Abanca, onde terá lugar o sepelio e a liturxia.
Os concentrados escoitarán un emotivo responso especialmente elaborado para poñer de manifesto os prexuízos e os problemas que suporán para os veciños de Campo Lameiro e dos demais concellos afectados polo peche de oficinas bancarias a perda deste tipo de servizos.
Por outra banda, o alcalde, Carlos Costa, deu orde aos funcionarios municipais para preparar o expediente para declarar 'persoa non grata' ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet.
A intención da corporación municipal é levar ao vindeiro pleno municipal ese punto na orde do día para ser aprobado por unanimidade "como xeito de dignidade dun pobo que expresa de xeito institucional a súa rebeldía fronte a un atropelo ante o cal non se pode resignar".
Relacionadas:
-
Noite de loito en Campo Lameiro cun velorio polo peche de Abanca
Por Redacción |
-
Empapelan Campo Lameiro con necrolóxicas convidando a asistir ao 'velorio' pola sucursal de Abanca
Por Redacción |
-
Colapsan a oficina de Abanca en Campo Lameiro presentando reclamacións
Por Redacción |
-
Campo Lameiro iniciará accións xudiciais contra Abanca por danos e prexuízos á veciñanza
Por Redacción |
-
Un milleiro de berros contra o peche de Abanca: "Escotet, escoita, Campo Lameiro está en loita"
Por Redacción |