Búscanse modelos de pasarela para Debut 2013
Por Redacción
Queda pouco máis dun mes para que o alumnado do último curso de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia presente o resultado dos seus traballos fin de carreira no Debut 2013. Mentres os futuros deseñadores seguen a traballar nas súas coleccións, o profesorado de Esdemga centra boa parte dos seus esforzos en buscar aos modelos que vestirán as creacións do alumnado.
As persoas seleccionadas para desfilar nesta pasarela deberán ter total dispoñibilidade para probar os deseños con anterioridade ao Debut 2013 que terá lugar o xoves 21 de novembro.
Será labor do profesorado desta titulación, con Lola Dopico á cabeza, a selección das persoas que finalmente participen no desfile, cuxa cifra que pode variar en función das necesidades do estudantado aínda que ata o de agora sempre xirou arredor de 40 mozos.
Un ano máis son os alumnos do campus, seguidos de estudantes de Bacharelato de toda a cidade, os que están a amosar un maior interese nesta proposta, explica a profesora e coordinadora do casting, Marta Riera. "Non é a primeira vez que se achega ata o centro algunha que outra nai preguntando polo desfile e a posibilidade de que a súa filla poida participar nel", subliña. Aínda que de momento non está convocado "é moi posible que nos vindeiros días abramos un novo proceso de selección no que poidan participar os máis pequenos da casa pero todo dependerá, coma sempre, das necesidades do noso alumnado".
Os mozos interesados en participar neste casting poden inscribirse no propio centro ou a través do enderezo electrónico ata finais deste mes de outubro. En ambos casos, a persoa interesada deberá achegar dúas fotografías, unha de cara e outra de corpo enteiro, para poder participar neste proceso de selección.
Como agradecemento á súa colaboración, Esdemga entregaralles un pen drive coas fotografías do desfile, realizadas polos profesores do centro Javier Herranz e Fernando Suárez entre outros profesionais de recoñecido prestixio.
Relacionadas:
-
Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 deseñadores de Debut 2013
Por Alejandro Espiño |
-
O estilo dandy de Marta Domínguez, premiado no Xuventude Crea
Por Redacción |
-
O talento de cinco ex alumnos de Esdemga deslumbra na inauguración de PONMO
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Debut 2012. Un espectáculo visual
Por Alejandro Espiño |