Pablo Costas, tras chegar a España: "Foi un calvario. Nos secuestraron nas peores condicións"
Por Alejandro Espiño
Tras case un ano retido en Iemen, a odisea de Pablo Costas chegou á súa fin. Xa está en España. A emoción desbordouse á súa chegada ao aeroporto de Madrid. Alí esperábano os seus dous irmáns, Isabel e Víctor, cos que se fundiu nun longo e esperado abrazo.
Nada máis aterrar, este mariñeiro de Bueu recoñeceu estar "mal" de saúde porque "nos secuestraron nas peores condicións". Ata 337 días recluído no seu barco, o Cobija, no porto de Iemen, un país inmerso nunha guerra civil desde hai cinco anos.
"Fomos autosuficientes ata que puidemos, pero logo pasamos penurias. Foi un calvario", explicou ante os medios de comunicación. Os últimos meses foron insostibles. "Estabamos sen auga e sen poder lavarnos". Os víveres, escasos durante o seu cativerio, chegaron a esgotarse.
Pablo Costas non dubidou en sinalar que "se volvín é grazas aos meus compañeiros -do sindicato CUT- e á mobilización popular en Bueu", do que lembrou é un lugar "cun profundo sentimento mariñeiro" e que este sábado recibirao como se merece.
Non tan boas palabras ten para a xestión política do seu conflito, especialmente da embaixada española en Riad (Arabia Saudita) da que "non merece a pena nin falar". Engadiu que "ata que non houbo unha chamada do ministro non se fixo nada".
Asegura que o seu caso "non interesou", pero considera que "foi tan sanguento que non tiveron outra que sacarme de alí", afirma sobre as xestións das autoridades españolas, ás que acusou de "complicidade" cara ás persoas "que promoveron este secuestro".
Acompañado do seu avogado e do dirixente da CUT Manuel Caamaño, Costas negou as acusacións de Australia, cuxa denuncia por pesca ilegal derivou neste inferno. "Non son ningún delincuente, sempre traballei legalmente. Cometeron unha inxustiza", dixo.
"Non había notificacións, nin papeis, nin xulgados… Deixáronnos alí e arránxate", detallou o de Bueu, para quen todo este proceso foi unha "auténtica farsa". Son todo mentiras, engadiu. "Non teñen ningunha proba e por iso soltáronme".
Agora, xa en casa, non se esquece dos 32 compañeiros cos que compartiu esta terrible experiencia. "Moitos deles seguen alí", sinalou. Por eles "seguirei loitando para que isto non volva pasar xamais".
Como bo mariñeiro que é, subliña que volverá faenar pero por agora prefire descansar. "Teño que reorganizar a miña vida primeiro. Pasou moito tempo", apuntou.
"Retivéronme un ano e levo case dous sen pisar a miña casa por motivos de traballo, pero é igual, a min a liberdade non ma rouban ningúns fascistas. Iso téñoo claro", concluíu.
Relacionadas:
-
Apoio plenario ao mariñeiro Pablo Costas Villar
Por Redacción |
-
Pablo Costas xa descansa na casa: "Bueu salvoume a vida. Estou moi agradecido a todos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Estamos aliviados pero ata que poidamos abrazalo non estaremos tranquilos de todo"
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno xestiona o traslado de Pablo Costas á capital de Iemen e agarda un "rápido" regreso a Bueu
Por Redacción |
-
Liberan a Pablo Costas e a tripulación do Cobija retida en Iemen
Por Redacción | Creada e actualizada
-
SOS da familia do mariñeiro retido en Iemen: "Que clase de 'gentuza' ten a 30 homes ao bordo da morte?"
Por Alejandro Espiño |