O PP asegura que a Escola de Canteiros de Poio "está abocada á desaparición"
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular asegura que a Escola de Canteiros de Poio "está abocada á desaparición". Os populares acusan á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva "de abandonar todo o que lle molesta" na institución provincial "e o resultado é que a día de hoxe a Escola de Canteiros de Poio está abocada á desaparición".
Así o manifestou o voceiro do PP, Jorge Cubela ao coñecer que o Clúster do Granito estrea este curso no Porriño a formación dual en canteiría.
Para Cubela, a xestión do Goberno provincial respecto da Escola de Canteiría "é un fracaso e un auténtico desastre", xa que "a pesar das advertencias que se fixeron desde o alumnado e desde o Partido Popular durante os últimos anos, non fixeron absolutamente nada para evitar esta situación".
Cubela recorda que o Goberno de Carmela Silva rexeitou durante este tempo que o centro conte con títulos de FP, tal e como reclamaban os alumnos, "unha decisión totalmente incomprensible e que agora ten estas consecuencias, polo que Carmela Silva será a responsable da desaparición da Escola de Canteiros de Poio", reitera.
O popular recorda que desde 2019 existe un acordo plenario, proposto polo PP e aprobado por unanimidade, para esixir ao Goberno central que se modifique o Catálogo de Titulacións para crear os títulos de formación profesional de canteiro e mestre de cantería. Un acordo "que nunca fixeron efectivo, xa que mentres o PP trasladaba ao Congreso esta medida, desde o Goberno da Deputación de Pontevedra amosábase unha actitude totalmente pasiva e conformábanse con solicitar un certificado de profesionalidade para o que non é preciso estar formándose durante todos eses anos".
Por iso, "o PP lamenta que a provincia vaia perder un centro de referencia, a pesar de ser a escola mellor preparada para impartir cantería e escultura, por falta de xestión e de iniciativa".
Relacionadas:
-
RADIO.- A Asociación de Canteiros reclama conversar coa Consellería de Educación sobre o futuro da Escola de Poio
Por Redacción |
-
370.000 euros para impermeabilizar a Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Deputación pide á Xunta que inicie o proceso para que Cantería entre no Catálogo Nacional de Cualificacións
Por Natalia Puga |
-
O Congreso insta ao Goberno a crear unha nova titulación de FP de cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Cantería abre o día 13 o prazo de matriculación
Por Redacción |
-
RADIO.- Un novo grao técnico de pedra natural pode poñer en xaque á Escola de Canteiros
Por Redacción |
-
A Deputación anima á mocidade para descubrir a cantería e valorala como opción de futuro
Por Redacción |
-
O goberno provincial asegura que nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se transfire o centro á Xunta
Por Redacción |
-
O PP reclama en Madrid que se recoñeza a formación da Escola de Cantería de Poio
Por Redacción |