O Ganapán abre o mes de setembro no Mercado con novas actividades
Por Redacción
O programa municipal O Ganapán abrirá esta fin de semana o mes de setembro no primeiro andar do Mercado de Abastos cuns obradoiros orientados a facer moito máis divertida a inminente volta ao cole e as merendas dos máis pequenos.
Entre as actividades previstas nos talleres de lecer infantil organizados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo inclúese a elaboración de nutritivas receitas e a confección de utensilios que serán de grande utilidade neste inicio de curso.
Para o sábado 4 de setembro, dentro do Espazo Gastro, está previsto un obradoiro no que os rapaces aprenderán a facer uns petiscos de avea e plátano ideais para acabar coa lareca que entra a media mañá e ter enerxía todo o día, mentres que, no Espazo Crea, os nenos confeccionarán e personalizarán estoxos para gardar os lapis e as gomas a base de material reciclado.
Na xornada do domingo 5 de setembro levaranse a cabo un taller no que a rapazada aprenderá a elaborar uns divertidos emparedados e outro no que deseñarán unha bolsa moi especial para levar ao cole as receitas que preparen.
As actividades, destinadas a nenos de 4 a 10 anos, vanse desenvolver en dúas sesións, con horarios ás 11:00 e ás 12:30 horas respectivamente, podendo realizarse as inscricións até ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com. Recoméndase aos participantes que leven unha friameira para levar a casa os pratos cociñados.
Relacionadas:
-
Pizza de froitas, torta de castañas e divertidos espantallos, no vindeiro Ganapán
Por Redacción |
-
Catro días de actividades no Ganapán na ponte do 12 de outubro
Por Redacción |
-
O mercado de abastos de Pontevedra avanza na dixitalización e estrea unha web
Por Redacción |
-
Que ben soubo o gazpacho de amorodos dos rapaces do Ganapán
Por Redacción |
-
O Ganapán propón receitas de biscoito e ‘mousse’ e a confección de farois e piñatas para esta fin de semana
Por Redacción |