Amplían o abastecemento de auga en Vilar para dar servizo a varias vivendas
Por Redacción
O Concello de Bueu e a empresa FCC Aqualia están acometendo conxuntamente as obras para ampliación do servizo de abastecemento de auga no lugar de Vilar, na parroquia de Beluso.
As obras consisten na instalación da rede nun tramo de 120 metros, que vai permitir que cinco vivendas do lugar poidan conectarse ao servizo municipal de auga.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou as obras e salientou que este tramo súmase ao que se levara a cabo hai dous anos na aldea e a outro que se realizará proximamente, "co que dariamos servizo á totalidade das vivendas".
Así mesmo, a próxima semana está previsto que comecen na Avenida da Barca os traballos de substitución das beirarrúas nun tramo de 120 metros, actuación financiada pola Xunta de Galicia e que o Concello aproveitará para substituír a rede de abastecemento na zona.
O alcalde subliñou que tamén nos próximos días se continuará coa renovación da tubaxe de abastecemento no lugar das Meáns, que segue ao tramo que se fixera hai uns anos.