O peche de oficinas bancarias, segundo Rueda, é unha "decisión empresarial" que a Xunta "non pode impedir"
Por Alejandro Espiño
Á Xunta de Galicia "non nos gusta o que está a pasar" co peche anunciado por Abanca de numerosas sucursais no rural galego, pero entende que se trata dunha "decisión empresarial" que ningunha administración "pode impedir".
Así o recoñeceu o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, preguntado en Pontevedra sobre se a Xunta ten ferramentas para frear estes peches ou sancionar ás entidades que deixen aos municipios máis pequenos sen servizos bancarios.
"Se hai unha retirada, algunha alternativa terá que haber", sinalou Rueda, que destacou que fronte á "mellor solución" que sería manter abertas esas oficinas débense "arbitrar solucións" para que estes servizos "non desaparezan totalmente".
Ademais das subvencións da Xunta para que os bancos instalen caixeiros automáticos, o dirixente autonómico suxeriu a posibilidade de que estas oficinas poidan ser itinerantes ou instalarse en cada municipio de maneira temporal.
En todo caso, desde o goberno galego transmitirán ás entidades bancarias que "non é bo" que pechen a súa actividade nestes municipios do rural ao ser un "servizo fundamental" e aseguran que "non estamos de acordo" con estas decisións.
"Ao final é unha decisión empresarial que a Xunta non pode prohibir, pero fronte a esa decisión pode haber reaccións de moitos tipos", engadiu o vicepresidente, que asegura que a Xunta "actuará para que os veciños o noten o menos posible".
Ademais, a Xunta "falará" cos bancos, fundamentalmente Abanca, para que "reconsideren" os peches anunciados ou, polo menos, "que non sexa unha retirada total".
Rueda, en todo caso, subliñou que "non quero adiantar acontecementos" e a Xunta irá adoptado decisións "ao ritmo que se confirmen estas retiradas", sempre que estas "se consoliden". Será entón, defendeu, cando "diremos o que imos facer".
Relacionadas:
-
O PP, coa mente posta nas municipais de 2023: "Non renunciamos a nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mobilización en Campelo o 3 de setembro contra o peche da sucursal de Abanca
Por Redacción |
-
Unidade de acción para facer fronte á "inxustiza" do peche de Abanca en Portas
Por Redacción |
-
Un milleiro de berros contra o peche de Abanca: "Escotet, escoita, Campo Lameiro está en loita"
Por Redacción |