Amizade denuncia problemas de accesibilidade na senda do Lérez
Por Redacción
A asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, Amizade denuncia o actual estado do paseo do Lérez.
Nun comunicado apuntan que "aínda que se produciron melloras no tocante á accesibilidade, o certo é que nalgún tramo a circulación de cadeiras de rodas faise moi complexa debido aos desniveis, así como a entrada e saída da ponte verde da senda do Río Lérez, no cal atópanse de novo algúns desniveis que dificultan a entrada e saída ao mesmo".
Segundo sinala este colectivo, "as persoas con discapacidade teñen o mesmo dereito a desfrutar do ocio e da cidade de Pontevedra, por iso é preciso reparar nestas cuestións e darlle saída ás suxestións de mellora aportadas".
Esta denuncia xurde despois da experiencia vivida este sábado pasado cando Amizade organizou unha andaina pola senda do Lérez con posterior almorzo na praia fluvial de Pontevedra.
O obxectivo era poder ofertar unha actividade na contorna próxima e ao aire libre para o cumprimento das medidas sanitarias pola covid-19 e rachar así coa situación de illamento na que algunhas persoas vense obrigadas a vivir dende o comezo da pandemia.
Á actividade asistiron 15 persoas socias da entidade acompañadas de familiares e amigos. Amenizou a comida o grupo de música tradicional "Papaventos" de Cotobade grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra dentro do programa Pontegal.
BAÑOS ADAPTADOS
Recentemente Amizade interpuxo tamén unha reclamación ao Concello para que se teña en conta a necesidade duns baños adaptados na cidade de Pontevedra.
Actualmente atópanse na Praza de Abastos, polo cal as persoas que precisen facer uso destes terán que facelo no horario de apertura do Mercado.