"A historia da cidade está marcada co nome do alcalde Cobián, ao que Pontevedra estará sempre agradecida"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra emitiu un comunicado este domingo, horas despois de coñecerse o falecemento de Francisco Javier Cobián Salgado, no que lamenta a perda do que fose alcalde, primeiro edil de Pontevedra entre 1991 e 1995.
Desde o Concello da capital transmítense as condolencias a toda a familia do que fora rexedor da cidade, así como aos seus amigos e achegados. "A historia da cidade está marcada co nome do alcalde Cobián, ao que Pontevedra estará sempre agradecida", sinalan no comunicado.
Ademais, desde a corporación municipal maniféstase que Javier Cobián foi unha persoa "afable e próxima que xestionou esta cidade con agarimo e con interese de mellorala, unha aspiración que debe acompañar a todas as persoas que se dedican á política municipal".
O escrito finaliza indicando que o Concello e a cidade de Pontevedra se atopan este domingo de loito ao perder un dos alcaldes da Democracia.
O funeral en memoria de Javier Cobián será este luns 30 de agosto, ás 18.00 horas, na Basílica de Santa María.